Non teño mais remedio que responder á provocación e escribir algo para retrucarlle a Mario. Primeiro a princesa Leia e agora Ulises! Que vai ser o próximo? Esta ofensa só pode ser reparada dando sete voltas ás ruinas de Troia arrastrado polo carro de Aquiles:)

A verdade é que Ulises é un personaxe ambiguo, e coido que por iso teño debilidade cara a el. Na propia tradición clásica altérnase a visión del como heroe esforzado ou como malvado liante. En calquera caso, non é un heroe ao uso. Trata de escaquearse do xuramento que o obriga a combater en Troia (e que el mesmo lle suxeriu facer ao pai de Helena), engana, disfrázase, rouba. Non é tan forte coma Aquiles, nin tan nobre coma Héctor, nin tan rico coma Melenao. En realidade, é un rei de medio pelo dunha illa de pastores e cabras, e sospeitamos que se Ítaca lle pertence é porque a ninguén lle interesa invadila.

O atractivo de Ulises radica precisamente na súa humanidade absoluta. É a proba de que os medios humanos son mais que suficientes, e que non é necesario ter a Ares na parte de atrás do carro. Odiseo é en certo modo un adiantado ao seu tempo. Perante os valores da forza, da nobreza de sangue, el impón o valor da intelixencia, da astucia, do que un pode facer por si mesmo e non polo que é. Ulises cre mais no seu sentido común que nos deuses, aínda que lle saia o tiro pola culata e se enemiste a morte con Poseidón., búrlase do Cíclope e arrisca a vida polos seus homes.

Por outra banda, Odiseo vea a ser o trasunto humano de Atenea, que é a miña favorita, aínda que tamén sexa unha deusa turbia nalgúns aspectos. A axuda que lle presta non é en forma de prodixios, senón de consellos. Ulises está imbuído do espírito da deusa, mais que recibir favores dela. nalgún sentido, é Atenea. Por iso tampouco me estraña nada que ao longo da historia o pobre Odiseo fora vapuleado moralmente en varias ocasións, coincidindo en xeral coa alza duns valores mais aristocráticos ou mais espirituais. Ulises non deixa de ser o primeiro ateo, e para o pensamento cristián, o paganismo pode pasar, pero o descreído de Ulises ten que arder eternamente no oitavo círculo, o dos malos conselleiros. Porque as razóns que da Dante para condenalo (cando foi Ulises un mal conselleiro? Mal conselleiro para os troianos, que lles colou a treta) son as da mitoloxía posterior a Homero. A lenda que di que, unha vez retornado a Ítaca e xa vello, non pode calmar o apetito de aventuras e leva aos seus homes mais aló das columnas de Heracles, para ver onde remata o mundo. Desafía o mandato divino do “Non plus ultra” por pura curiosidade e rebeldía.

Entendo que o vello Dante opine que merece o oitavo círculo, pero a min cáeme simpático. Polo menos pono a torrar co amigo Diomedes, o compañeiro de tódalas correrías, co que rouba o Paladio e constrúe o cabalo. Ata me gusta a frase que lle fai dicir Dante aos seus homes: “Considerade a vosa procedencia/ pra ser cal brutos vós non fostes feitos/ si pra seguir virtude e coñecencia” (da tradución de Darío Xohán Cabana)
E por suposto, está isto:

Así que nada de meterse cos meus heroes infantís, aínda que sexan uns trampulleiros, uns falsos e uns argallas, aínda que Dante os cociñe á grella, aínda que cheguen e fagan unha escabechina cos pretendentes, porque quen mais quen menos, todos vimos Ulises 31. E se non, non tivéchedes infancia :p

P.D: xa está listo o primeiro artefacto de Historias Eléctricas. Xa que ninguén se animaba escribín eu, para romper o xeo.