Nestes días de recollemento e fervor relixioso (que por certo na rede, obra do Maligno, nos pasamos incitando ao pecado carnal e queimando Compostela) dame por pensar nunha das miñas mais antigas e queridas afecións, a mitoloxía. De pequena aprendinme os contos de deuses e monstros, pero cando realmente desfrutei co tema foi xa de maior, cando descubrín que o realmente divertido era rastrear mitos de relixión en relixión, saltando de escaque en escaque. Así que me deu por Graves, os mitos novelados, e daí pasei á Ponla Dourada de Frazer e despois a Dumezil e a Lévi-Strauss. De todos eles me quedou algo de pouso, tras o entusiasmo inicial e a actitude crítica subseguinte.

Pero co que mais desfrutei do destripe mitolóxico foi cun libriño de Ehrman cun título terrible “Xesús, o profeta xudeo apocalíptico“. Cando o estaba lendo procuraba poñerlle algo por fóra e que non se vira a portada, porque parecía un folleto dunha secta. Pois ben, con este exterior tan pouco apetitoso presentábase un ensaio divertidísimo e hipercrítico que me fixo sorrir de puro ácido. A tese en si mesma non é nada especialmente novo: Ehrman sostén que a mensaxe orixinaria de Xesús de Nazareth é unha mensaxe apocalíptica que se foi “revisando” ao longo dos anos ao ver que a fin do mundo tardaba, co conseguinte aburrimento dos fieis, que agardaban morbo e espectáculo, chuvias de lume ou algo, que se fai tarde.

O verdadeiramente diferente, interesante e divertido do libro é o xeito de expoñer a teoría, porque partindo da base de que a Historia non é unha ciencia exacta, o que Ehrman trata de facer é dotar ao lector dos instrumentos necesarios para interpretar por si mesmo os datos. É dicir, algo así como:”penso isto por isto e por isto, e cheguei a esta conclusión deste xeito” Iso é o que para min é o que debe ser un ensaio, chamádeme rancia. Non me gustan as posmoderneces do anti-ensaio, porque penso que consiste basicamente en que podes dicir o que che pete sen ter que argumentalo loxicamente. Pero aquí é todo o contrario, e precisamente na diáfana claridade do libro está o potencial subversivo. Tamén en que o autor ten un sentido do humor finísimo, e dende un esquisito respecto ás crenzas alleas dálle un repaso tal aos mitos cristiáns que xa ven dando igual que lles teña respecto ou non, porque os deixa pingando.

Acordeime moito tamén estes días, pensando na que se nos ven enriba cada Semana Santa, a golpe de procesión e de pelis de romanos, no que dicía hai pouco FraVernero ao respecto de coñecer a relixión mellor que os propios crentes. Eu non diría de min mesma que son unha experta, pero si que vexo as cousas dende unha óptica moitísimo máis rica, empezando porque me interesan tódalas crenzas, e seguindo porque lin libros como este, que a maior parte dos interesados non leron. De feito, debe de haber certo interese en que sexa así, porque algo me di que a parroquia descendería considerablemente.

Así que agora, cada procesión que vexo pasar remíteme inevitablemente á morte de Osiris, cada virxe dolorosa a unha Cibeles igual de desesperada, cada rollo resurrectivo sóame sospeitosamente mitraico (ou adonisíaco). E penso que ao fin e ao cabo, con tódolos profetas apocalípticos aos que lles deron matarile os romanos, este en concreto da a vara que flipas.

P.D: R.R. pide adhesións, e non será por min. Expodylan xa!!
P.P.D: Osiris é o tipo da cara verde. Non ten moi boa cor, pero é que está morto.