Archive for Abril, 2007


“Quen non sinta vertixe ao pensar na mecánica cuántica é que non a entende”. Niels Bohr dixit. Eu non estou moi segura de entendela de verdade, e dubido que ninguén que non sexa físico o faga, pero aínda así dame vertixe. Hoxe voume meter a falar dalgo que é o máis vertixinoso dentro do vertixinoso, a montaña rusa doble looping da física, así que xa de entrada pido desculpas polas inexactitudes e os erros, pero iso si, se os hai, duro con eles e sen piedade.

A Teoría de Cordas é un guión de cinema perfecto: intriga, polémica, escándalo e sucesos case paranormais. Parte do seu atractivo está en que non é en realidade unha teoría, senón unha hipótese. Non está comprobada e cabe a posibilidade de que non o estea nunca. Pero se resulta ser certa, as implicacións poden ser brutais para a física, e para a nosa forma de entender o mundo. Constituiría un cambio de paradigma como o que supuxo a Relatividade.

O grande problema da física teórica é que os dous grandes sistemas, a mecánica cuántica e a relatividade xeral semellan non ser compatibles entre sí. Os sucesos definidos por unha delas non son consistentes co que predí a outra e viceversa. Cada unha delas funciona só na súa parcela do infinitamente grande ou do infinitamente pequeno, e ademáis existen ocos sen cubrir por ningunha das dúas. A Teoría de Cordas pretende lograr o que se chamou a Grande Unificación, un sistema que explique absolutamente todo o que ocorre no universo.

Mais ou menos todos manexamos o concepto de onda-partícula, e sabemos que os átomos, a pesar do resultón do seu nome, poden ser divididos en electróns, protóns e neutróns. Estes dous últimos divídense á súa vez en seis tipos de partículas que si son elementais de verdade,os quarks (up, down, charm, strange, bottom e top. Carroll debe de estar orgulloso, non si?) Pois ben, a nosa superhipótese megaunificadora o que postula é que en realidade, estas partículas poderían conceptualizarse como se foran as cordas dun violín, e cada unha vibrara nunha nota diferente. O que as diferencia non é a “sustacia” que as conforma, senón a amplitude de onda (por chamarlle algo) na que vibra.

Pois isto en apariencia tan simple non só leva quitándolle o sono aos científicos dende hai mais de vinte anos, senón que chegou a ser un tema no que o apaixonamento leva case ao pique persoal, e a falar de intereses e grupos de presión arredor das teorías unificadoras. “A Teoría de Cordas pode estar minando as mentes dos estudantes como o facía a teoloxía na Idade Media” (Glashow)

No próximo post falarei das implicacións de todo isto,e de por que me parece tan fascinantemente carrolliano. Ide facendo a dixestión 🙂

P.D: reedito para corrixir o erro que me indica FraVernero no seu comentario. Aínda que na linguaxe habitual unha teoría sexa unha explicación non demostrada, ao que nos referimos cando falamos de teoría científica é ao nivel mais alto de evidencia que se pode acadar, cando esa explicación está respaldada por datos empíricos. O contrario sería unha hipótese. Cordas, polo tanto, é unha hipótese e non unha teoría, aínda que manterei a expresión porque aparece así en moitos artigos que consultei e porque cambialo estropea o título. Para que non digades que non son interactiva:p

Ás veces ocórreme que todo o que fago semella apuntar nunha mesma dirección, e daquela estou case obrigada a falar do tema que me obsesiona, mais ca nada porque non podo pensar noutra cousa. Outras, como neste caso, varias ideas desconectadas entre si fan colisión e conxúganse maxicamente. Por unha banda, volvo estar con mono de ciencia, producido por tanta idea abstracta e filosófica. Por outra, empeza a facer calor e repercute no meu ánimo. E por último, dende Valdeorosa pídenme que fale do hedonismo (o individualismo deixareino para mais adiante).

A evolución inxectou nos nosos corpos un tipo de molécula moi semellante aos derivados do opio tipo morfina, que fan exactamente o mesmo que o opio: producir unha sensación pracenteira, e enganchar. Cal é a razón para semellante actitude tan pouco politicamente correcta? Pois facer que repitamos certas conductas que lle parecen proveitosas para a especie, como comer ou practicar o sexo. Son actividades que, de xeito non condicionado, fai que nos autochutemos de endorfinas. Vale para que a especie se perpetúe, e punto. Pero o ser humano, vicioso como é, aprendeu a suministrarse moléculas destas por outros medios. Aprendemos que determinadas cousas que facemos nos provocan pracer, e canto mais as facemos, mais pracer nos provocan. O mero feito de pensar nelas resulta agradable e fai que as endorfinas se disparen. Chega un momento que non se sabe moi ben se foi primeiro o ovo ou a galiña: provócannos pracer porque segregan endorfinas ou segregan endorfinas porque nos provocan pracer? (NOTA: para os que xa están pensando o que non é, este tipo de pracer non ten por que ser de índole sexual, que nos coñecemos…:p)

Estas respostas son xa de tipo condicionado, aprendido, e polo tanto difiren enormemente dun individuo a outro. O que para min resulta unha nube opioide, por exemplo a miña sauna dos mércores, para calquera de vos pode ser algo moi próximo ás caldeiras do inferno ou á pota de cocer o marisco. A música segrega una de endorfinas impresionante, algunhas persoas provocan en min auténticas inundacións mórficas, durmir, a literatura, as tormentas. Hai cousas que se explican bioloxicamente e outras que non. A dor, estrañamente, provoca en todos nós tamén este efecto, e incluso hai estudos que falan da morte como unha avalancha destas sustancias. Neste caso, semella que a razón biolóxica é paliar a sensación dolorosa, pero tamén explicaría por que a dor e o pracer poden estar tan desacougantemente próximos.

Resulta difícil explicar o que se pode entender por hedonismo, porque a min dáme a impresión de que, aínda que a definición mais aséptica sería “a busca inmediata de pracer” hai algo nesta palabra que nos fai pensar nuns praceres e non noutros. Mentres escribo isto soa Bud Powell, e a miña intención ao poñelo era única e exclusivamente poñerme cega de opioides endóxenos, pero ninguén diría que esta é unha actitude hedonista. Si parece mais hedonista, por exemplo, saír toda a noite polos garitos menos recomendables da cidade, aínda que a intención sexa exactamente a mesma. Tras todo isto subxace certa idea xudeocristiá do pracer como algo morboso, lúbrico e destructivo. A busca incesante do pracer seca a alma e impídenos abrir a nosa mente a un coñecemento superior. O sexo como xeito de obter placer é algo indigno que destrúe o respecto dos seres humanos, é “utilizar” ao outro.

Por suposto que hai placeres que poden resultar destructivos (aínda que na maior parte dos casos sexa unha cuestión de medida), pero eu creo que, no fondo, todo o que facemos é porque, dun xeito ou outro, mais ou menos egoistamenta, provócanos placer, aínda que sexa ter un blog, acadar as mais altas cotas da arte e a filosofía ou ir de cooperante a Namibia. De feito, dende o meu ateísmo militante, non podo entender a vida se non é como unha busca incesante de placer e benestar. Outra cousa é que o desexe para todo o mundo, e non só para min mesma.


Belisaria. Incomódame que se repitan dúas vogais ao final do meu nome, interrompendo a alternancia. A cousa empeza así. Non podo saír da casa sen comprobar a fechadura dúas veces. Faino moita xente. Ao camiñar, prefiro entrar nos sitios co pé dereito. Unha superstición moi común, faino moita xente. Supoño que en parte é por culpa do meu traballo. Ser bibliotecaria inclúe un certo gosto pola orde, certa meticulosidade. Ponme nerviosa, por exemplo, que os cantos dos libros non estean alineados nos andeis. Que lles custará colocalos ben? Ou igual é ao reves, e son bibliotecaria porque teño ese gosto pola orde. Son así dende sempre.

Nos últimos tempos o que ocorreu foi que me asaltan pensamentos estraños. Se non entro co pé dereito, paso todo o día con sensación de catástrofe inminente, como se rompera algún tabú sagrado. A cada pequena falta que cometo contra o ritual correspóndelle unha desgracia, maior ou menor. Por iso fago listas. Por iso a roupa, dentro do armario, está dividida por cores. A un lado as cores frías e a outro as quentes. Se se tocan, quen sabe o que pasaría. A catástrofe número cento dazaseis.

O peor é a cociña. Tódolos coitelos de cociña deben estar sempre co mango mirando cara min. Se non é así, quen sabe? Se cadra podería coller un e facerme dano, ou facerlle dano a calquera. Se cadra podería ir no autobús cun deses coitelos e clavarllo ao pasaxeito do lado. Ás veces pasan esas cousas. Hai moita xente que o fai. Sempre escollo a froita que ten unha cor uniforme (xa sabedes, frías con frías, quentes con quentes. E se collera unha mazá medio verde e medio vermella?) e un tamaño medio. Moléstanme enormemente as disonancias en canto ao tamaño. Os lápices no seu bote deben ser todos do mesmo tamaño. Se non é así, collo o afiador e nivéloos coidadosamente. Podo tardar horas, pero se non é así, quen sabe?

Onte, na rede das laranxas, atopei unha anormalmente grande. Púxena no froiteiro, canda as outras, pero inmediatamente molestoume vela alí. As outras tiñan un tamaño estándar, uniforme, e esa en concreto resultaba disonante no conxunto. Pensei en facer un zume con ela, pero a idea repugnábame profundamente, facer zume con esa laranxa anormal, e bebelo. Quen sabe. A catástrofe número catrocentos vinte. Pensei en reubicala, pero existía o problema da cor. Non podo aturar as cores quentes mesturadas coas frías, é antinatural. Metina cos pementos, vermellos e amarelos. Os verdes, por suposto, están no outro caixón, coa leituga.

Esperto cunha sensación de opresión no peito. Penso que me vai estourar, que eu, Belisaria, aparecería morta dun infarto na miña cama, días despois. A imaxe da laranxa no cesto dos pementos torturárame a noite enteira. Vou á cociña e collo un coitelo, decidida a facer zume con ela e rematar dunha vez. Pero unha vez mais, a idea cáusame un noxo infinito. Pouso o coitelo sobre a repisa e respiro fondo, cos ollos pechados, para que a opresión ceda. Alí está a laranxa, incómoda, enorme, anormal. O coitelo quedou descoidadamente colocado, coa folla cara a min. Xa está. Agora terei que collelo, montar no bus, e clavarllo ao pasaxeiro do lado. Se non, quen sabe? A catástrofe número douscentos trece.

Teño a manía de recaer unha e outra vez en cousas que sei que non van acabar ben, pero aínda así non podo evitar facelas. Esta Pascua, debeu ser polo da penitencia e a mortificación, volvín outra vez sobre Camus, autor que me produce un cansanzo vital e ás veces un cabreo importante. Por que o fago? Ou ben teño un punto masoquista e non o asumo, ou ben é por puro complexo de inferioridade. Penso que seguro que o entendín mal, ou que me falta por ler a obra clave e reveladora. De feito, gustaríame que outros mais postos no tema ca min me deran unha opinión cualificada, porque igual ando por aí odiando a un tipo sen razón.

Camus cabréame porque representa o que eu chamo filosofía de sobremesa: un sistema que non leva a nada, non explica nada e non da alternativas. Só che di que todo e absurdo e que a vida non ten sentido. Puro esnobismo. A típica frase para soltar e quedar de profundo, pero que por descontado non atingue para nada á túa vida real. Aínda no caso de que chegues a ter o convencemento profundo de que é así, a túa actitude perante a vida nunca vai ser coherente con esa idea. Para cada un de nós, a nosa vida é o mais importante do mundo, sexa ou non absurda.

Tampouco estou dacordo co seu xeito de ser ateo. Se ser ateo te leva a pensar que nada ten sentido, o mellor que podes facer é buscar unha secta que che mole, a ser posible que non esixa suicidio (ou si, que mais dá. Non é a única cuestión filosófica real?), rapar a cabeza e vestirte de laranxa. Para min ser atea é exactamente o contrario: a idea de que esta vida é a única que existe, así que xa podes tratar de que sexa o mellor posible, e de que os mansos non van herdar o reino dos ceos, só lles van deixar aos seus fillos a mesma opresión que sufriron eles.

O cumio da miña ira chegou cando lin “O home rebelde” que sostén a magnífica tese de que a rebelión non é posible, porque a violencia deslexitima a fin desexada. O cal, aplicado á vida real, é dicir, a independencia de Alxeria, convérteo xa non nun cándido, senón nun colonialista. Hai temas nos que a neutralidade implica tomar partido polo bando máis forte.

Lin por aí o cotilleo de que a enemistade entre a parella Beauvior-Sartre e Camus se debeu a que éste non atendeu aos requerimentos sexuais de Simone. A min paréceme que, sexa certa ou non a anécdota, hai suficientes diferenzas ideolóxicas entre eles para que remataran de mal rollo. Por outra banda, sempre me pareceu que a historia susténtase no feito obxectivo de que Sartre é todo o feo que se pode ser sen que te deteñan, mentres que Camus ten ese punto de tuberculoso lánguido que a algunha xente lle resulta atractivo.

Eu, dende logo, non sería nunca amiga de alguén como Camus, e se por unha carambola do destino chegara a selo, segurísimo que a cousa remataría en bronca monumental. É o típico colega mixiricas que en vez de sangue parece que ten líquido refrixerante, o que é capaz de ver como che parten a cara nunha pelexa de bar sen mover un dedo, e despois xustificalo filosoficamente. Non, home, Jean-Paul, enténdeme ben. Se eu non era por non meterme. O que pasa é que a vida non ten sentido, e polo tanto o feito de que che partan unha botella na cabeza é un feito insignificante dende o punto de vista da existencia. Ademáis, a violencia que eu podo exercer sobre o home da navalla é tan deleznable como a navallada que el exerza sobre ti, sendo deste xeito un problema filosófico irresoluble. Como es, Jean-Paul. Todo che parece mal.

Este é un dos meus mitos preferidos dende sempre, por variadas razóns. En primeiro lugar, porque me gustan os que teñen múltiples variacións, que non son unívocos senón se compoñen de moitos detalles significativos, combinados dun xeito ou doutro segundo a versión. Ademáis, é un dos poucos relatos mitolóxicos con heroína feminina, e non me refiro a personaxe central, senón a que Isis, neste mito, desenvolve o papel de heroe con tódalas da lei, con enxeño, valor, superpoderes e todo. Por último, gústame porque comparte rasgos con historias doutras tradicións, como o mini-relato, que non vou incluír, de como Isis trata de volver inmortal ao fillo da raíña, exactamente igual nos mitos de Demeter-Ceres e a busca de Perséfone (aquí Osiris). Pero aí vai o mito, ou alomenos unha das versións.

Isis e Osiris son irmáns e ao tempo home e muller, como se estila entre os vellos deuses. Son a personificación da orde e reinan sobre Exipto, dotando aos humanos de tódalas comodidades e adiantos tecnolóxicos da época. Apréndenos a cultivar, a facer cerámica, a tocar música… Osiris é o deus das colleitas e Isis… ben, Isis é Isis, “mais sabia que millóns de homes”. Pero como en tódalas familias hai unha ovella negra, que neste caso é Seth, un de deus da tormenta e a guerra con cabeza de can, como Thor pero en chungo, vaia. Seth está ciumento de Osiris e da prosperidade de Exipto gobernado por Isis (Osiris está a maior parte do tempo de viaxe comercial, promocionando as novas tecnoloxías agrícolas) e traza un plano diabólico de dominación mundial para matalo. Pero Isis sospeita “como unha mangosta vixiando a unha serpe mortal”. Seth toma as medidas do Rei e fai un cofre riquísimo. Despois reta á corte a tumbarse dentro del, prometendo regalalo ao que encaixe exactamente no seu interior. Por suposto, só Osiris dá a medida, e cando está dentro, Seth péchao e sélao con chumbo, namentres os seus cómplices reteñen a Isis na súa cámara. Despois tírano ao Nilo, co corpo do rei morto no seu interior (NOTA: como xa vos decatariades, os deuses exipcios non son inmortais, e un inconveniente ínfimo, como a falta de aire, basta para rematar con eles).

Isis busca incansablemente o cofre, axudada pola súa irmá Neftis, muller de Seth pero fiel á parella (ademái rumoréase que estaba liada con Osiris e o deus Anubis é fillo deles, pero co consentemento de Isis, en plan ben, tampouco pensedes. Unha sociedade liberal e adiantada). Despois de moitas aventuras, que darían para outro post, atópao e chórao incansablemente en forma de anduriña. Pero Seth dalle alcance e descuartiza o corpo, espallándoo por Exipto, porque Isis é tan poderosa que podería resucitar ao Rei. As dúas irmás recuperan os anacos un por un, agás o falo, que o comen os peixes. Isis trata de resucitalo, sustituíndo o pene perdido por unha prótese de arxila (non moi cómodo, pero eficaz) pero ao non ter tódolos anacos, só consegue que reviva durante unha noite, que é suficiente para enxendrar un neno que herde o reino (vedes como a prótese era eficaz, aínda que rasque?). Despois embalsámao, coa axuda de Anubis, e fabrica así a primeira momia.

Agora Isis é unha nai nova e solteira, perseguida por un cuñado cabreado que desata furacáns, e precisa axuda desesperadamente. Pero claro, como dixen antes, Isis é moita Isis. Consegue, non sei como, un pouco de cuspe de Ra, o deus supremo, mestúrao con arxila para facer unha áspid, á que da vida. Como a cobra está feita da propia materia do deus, pode danalo, e mórdeo nun nocelo facendo que se retorza de dor. Entón Isis, que tamén é a deusa da medicina, acode á cabeceira de Ra e ofrécelle un trato que non pode rexeitar: curalo a cambio de que lle revele o seu nome secreto, fonte do seu poder. Ela promete que só o empregará se a vida do neno Horus está en perigo, e Ra revélalle o nome.

Agora Isis é unha nai nova e solteira, perseguida por un cuñado cabreado, que se converteu na mais poderosa de tódolos deuses e deusas de Exipto, a quen Ra chama filla, e que pode deter o sol no medio do ceo e facer churrasco con Exipto se Seth viola a orde de alonxamento do seu crío. Só ten que agardar a que o neno medre e reclame o trono do seu pai.

Hai historiadores que consideran que a figura cristiá da Virxe é unha versión desta Isis que fuxe co seu fillo, pero como vedes, é unha versión descafeinada, porque Isis o que menos fai é fuxir. Isis pensa, actúa, fai maxia, enfréntase a Seth e en definitiva mete caña. Consegue converterse na deusa suprema con intelixencia e paciencia, pero non emprega o seu enorme poder salvo que sexa estrictamente necesario. O templo de Isis en Philé permaneceu aberto ata o século IV, porque diversas sectas cristiás adoraban á deusa como María ou como Sophia, o principio feminino do mundo. Tamén se cre que as procesións de Semana Santa, coa Virxe levando en brazos o corpo morto de Xesús, puideron surxir en Exipto, nos ritos que lembraban a morte e resurrección de Osiris como deus dos mortos. Isis chorando o corpo morto de Osiris. Xa falei noutro post da fuxida a Exipto das tradicións cristías, e do sospeitoso parecido da fuxida da nosa superdeusa con Horus. A min, que queredes, atea como son, sería fan de Isis, se non como deusa, si alomenos como superheroína.

P.D: este post vai particularmente adicado ao Moucho, xa que isto xeralmente faino el;)

Nestes días de recollemento e fervor relixioso (que por certo na rede, obra do Maligno, nos pasamos incitando ao pecado carnal e queimando Compostela) dame por pensar nunha das miñas mais antigas e queridas afecións, a mitoloxía. De pequena aprendinme os contos de deuses e monstros, pero cando realmente desfrutei co tema foi xa de maior, cando descubrín que o realmente divertido era rastrear mitos de relixión en relixión, saltando de escaque en escaque. Así que me deu por Graves, os mitos novelados, e daí pasei á Ponla Dourada de Frazer e despois a Dumezil e a Lévi-Strauss. De todos eles me quedou algo de pouso, tras o entusiasmo inicial e a actitude crítica subseguinte.

Pero co que mais desfrutei do destripe mitolóxico foi cun libriño de Ehrman cun título terrible “Xesús, o profeta xudeo apocalíptico“. Cando o estaba lendo procuraba poñerlle algo por fóra e que non se vira a portada, porque parecía un folleto dunha secta. Pois ben, con este exterior tan pouco apetitoso presentábase un ensaio divertidísimo e hipercrítico que me fixo sorrir de puro ácido. A tese en si mesma non é nada especialmente novo: Ehrman sostén que a mensaxe orixinaria de Xesús de Nazareth é unha mensaxe apocalíptica que se foi “revisando” ao longo dos anos ao ver que a fin do mundo tardaba, co conseguinte aburrimento dos fieis, que agardaban morbo e espectáculo, chuvias de lume ou algo, que se fai tarde.

O verdadeiramente diferente, interesante e divertido do libro é o xeito de expoñer a teoría, porque partindo da base de que a Historia non é unha ciencia exacta, o que Ehrman trata de facer é dotar ao lector dos instrumentos necesarios para interpretar por si mesmo os datos. É dicir, algo así como:”penso isto por isto e por isto, e cheguei a esta conclusión deste xeito” Iso é o que para min é o que debe ser un ensaio, chamádeme rancia. Non me gustan as posmoderneces do anti-ensaio, porque penso que consiste basicamente en que podes dicir o que che pete sen ter que argumentalo loxicamente. Pero aquí é todo o contrario, e precisamente na diáfana claridade do libro está o potencial subversivo. Tamén en que o autor ten un sentido do humor finísimo, e dende un esquisito respecto ás crenzas alleas dálle un repaso tal aos mitos cristiáns que xa ven dando igual que lles teña respecto ou non, porque os deixa pingando.

Acordeime moito tamén estes días, pensando na que se nos ven enriba cada Semana Santa, a golpe de procesión e de pelis de romanos, no que dicía hai pouco FraVernero ao respecto de coñecer a relixión mellor que os propios crentes. Eu non diría de min mesma que son unha experta, pero si que vexo as cousas dende unha óptica moitísimo máis rica, empezando porque me interesan tódalas crenzas, e seguindo porque lin libros como este, que a maior parte dos interesados non leron. De feito, debe de haber certo interese en que sexa así, porque algo me di que a parroquia descendería considerablemente.

Así que agora, cada procesión que vexo pasar remíteme inevitablemente á morte de Osiris, cada virxe dolorosa a unha Cibeles igual de desesperada, cada rollo resurrectivo sóame sospeitosamente mitraico (ou adonisíaco). E penso que ao fin e ao cabo, con tódolos profetas apocalípticos aos que lles deron matarile os romanos, este en concreto da a vara que flipas.

P.D: R.R. pide adhesións, e non será por min. Expodylan xa!!
P.P.D: Osiris é o tipo da cara verde. Non ten moi boa cor, pero é que está morto.