“É máis doado desintegrar un átomo ca un prexuízo” (Albert Einstein)

Dixen que o meu próximo post ía sobre o xugoso tema dos prexuízos, pero en fin,
meteuse Gwen polo medio, e non puiden resistilo. Pero aquí vai o prometido.

Todos caemos na escura rede dos prexuíxos. Eu, sen ir mais lonxe, teño prexuízos invencibles cara determinados grupos humanos, como as señoras con visón (tamén vale todoterreno) os votantes do PP e as persoas que van ás manis do Foro da Familia. Non o podo evitar. Igual preciso terapia ou algo.

Os prexuízos son, de entrada, adaptativos. Facer categorías é un dos xeitos que ten a mente humana de manexar cantidades grandes de información. Sacrificamos certos matices secundarios para poder extraer a información verdadeiramente relevante. Se es negro nun barrio chungo de Estados Unidos, igual non está de mais que teñas certo prexuízo cara aos polis, aínda que igual ese poli en concreto é un tío encantador que vai baixar un gatiño dunha árbore. Pero eu, por se acaso, correría. Tampouco está de mais correr ante un grupo de sanos muchachotes con botas de punta metálica e moderno corte de pelo ao un.

No caso das señoras con visón, probablemente non sexa unha cuestión de supervivencia (a menos que sexas un visón), pero volvo dicir que o noso aspecto externo nunca é casual, é algo que escollemos conscientemente e cunha determinada intención. Alguén que se gasta cen mil euros nun abrigo feito coa pel de bechos esfolados vivos, en primeiro lugar despreza o sofremento alleo, e en segundo está portando un símbolo externo do seu status social. Pensa que, polo feito de levar esa prenda, está por enriba de ti. Polo tanto, non se trata dun prexuízo, senón dun xuízo.

O problema é cando escollemos mal o rasgo pertinente. Se a cualidade que escollemos para facer a nosa categorización non é algo que o individuo escolla libremente, como votar ao PP(?) senón algo sobre o que non ten control, com a súa nacionalidade, o seu sexo ou a súa cor de pel, estamos facendo unha categoría inútil, porque probablemente eses individuos non compartan entre si mais ca ese rasgo. Por outra banda, as cousas sobre as que non temos control non din nada sobre nós como seres socias. Parece obvio.

Ultimamente o dos prexuízos está caendo nos tópicos do politicamente correcto. Paréceme moi ben que se loite contra os prexuízos raciais ou sexuais, pero o que ocorre coas palabras cando se usan moito é que se gastan. Outro día falarei da espantosa palabra “tolerancia”. O que ven ocorrendo é que hai xente que fala sen rubor de prexuízos para referirse a calquera opinión que ti teñas e que non lles mole. O último é a tremende frase “prexuízos antirrelixiosos” para referirse aos que consideramos que as relixións son unha fonte inesgotable de problemas, e aos ateos en xeral. Na palabra “prexuízo”, a parte importante é pre. Tamén os decentes pais de familia do foro da ídem utilizaron algunha vez a palabriña, nun claro intento de darlle a volta á tortilla e achacarnos aos demáis as súas taras. Cando expresas a túa opinión sobre algo que fai alguén, por definición non pode ser un prexuízo. Paréceche ben ou mal, e punto.

P.D: escollín esta foto para mostrar que estas cousas non se levan por estética. A única razón para meterse nalgo tan monstruosamente feo é que todos saiban que estás podre de pasta.