12
mar

Pecados Capitais: Preguiza

   Publicado por: espello   in varios


Ante a avalancha de comentarios (xa sabía eu que vos ía molar isto do cotilleo) decidín contestar nun post novo, que podería chamarse "como comezou todo" pero non se vai chamar así, porque me pareceu mais cómodo que largarme un comentario enorme. Este é o segundo pecado capital.

Pois veredes: durante moitos anos, escribín unhas libretas, a modo de diario, pero escribindo sobre as pelis, os libros que lía, as miñas obsesións do momento, etc. En realidade, era como unha especie de blog en analóxico moito antes de que houbera blogs. Por outra banda, a miña preocupación pola imaxe como medio de expresión ven xa de lonxe, así que cando decidín transformar as miñas libretas analóxicas en ciberlibretas, pensei que non quería o fondo de topos de Blogger, senón algo co que me sentira realmente identificada, que dixera algo de min (pero tampouco demasiado). E escollín A Través do Espello como algo natural, porque aglutina tódalas miñas filias vitais (a filosofía, a ciencia, a literatura) nun envoltorio elegantemente victoriano, pero ao mesmo tempo un chisco escuro, algo inquedante, como creo eu que ten que ser o coñecemento: un coñecemento que non desacouga un pouco é un coñecemento baleiro.

Por outra banda, cando era nena alguén tivo a santa paciencia de aprenderme o Jabberwocky enteiro, na súa tradución ao español. E alí estaba eu, co meu vestido vermello e as miñas coletas, recitando: "Brillaba brumeando negro el sol/ agiliscosos giroscaban los limazones/ banerrando por las váparas lejanas..." Debía ser todo un espectáculo ver a unha cría de cinco anos delirando dese xeito. Así que Alicia é, dalgún xeito, tamén o inicio do meu punto rarito e friki. Aínda hoxe sei ese poema de memoria.

O da Raíña Vermella caía de caixón, ademáis de polas miñas inclinacións ideolóxicas, porque no mundo do Espello, é esa peza quen guía a Alicia, quen lle explica como ten que facer para moverse do outro lado. Dalgún xeito, é o papel que xogamos cada un de nós no noso escaque.

Tamén teño que dicir que a miña idea inicial non era exactamente no que despóis se converteu, se ben tampouco é algo completamente diferente. Por exemplo, aínda que pensaba escribir algo sobre ciencia, non tiña moi claro que puidera resultar interesante, co cal foi unha agradable sorpresa que tivera tan boa acollida e que me permitira desbarrar ao meu gusto. Tampouco se me ocorrera pensar que o que realmente fai un blog non son os post, senón os comentarios, e que remataría por escribir seguindo a liña sinuosa que se crea entre todos. Claro, os meus movementos dependen do que movades vós:)

Así que agardo que deades por contestados os comentarios do anterior con esta información, pero que non decaia o debate sobre se o que escollemos di moito ou pouco sobre un mesmo.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
Esta entrada publicouse o o luns, marzo 12th, 2007 ás 6:46 pm e pertence á categoria varios. RSS 2.0Podes seguir os comentarios a esta entrada a través da semente RSS . http://espello.blogaliza.org/2007/03/12/pecados-capitais-preguiza/trackback/Podes comentar, ou facer trackback desde o teu sitio..

16 comments so far

Mario
 1 

Eu nunca lle perdoaría a ninguén que me aprendese iso, e menos en español, pero enfín. A min tamén me sorprendeu a liña que foi seguindo o meu.

marzo 12th, 2007 ás 11:46 pm
gustavo harvey
 2 

Eu realmente sinto-me um pouco sobre-passado quando tenho muitos comentários, menos mal que isso nom ocorre com frequência. Trato de postar ao meu aire e tampouco gosto de fazer posts sobre cousas que vejo em blogs amigos porque pra isso tenho as ligaçons que levam do meu blog aos vossos. Certo é que às vezes incido mais sobre um tema se a inspiraçom me acompanha e se vejo que é do vosso gosto mas nom seria capaz de seguir umha linha argumental concreta (por exemplo a ciência ficçom ou um estilo literário ou musical determinado) porque nem a minha cabeça pensa de jeito unidireccional nem eu me considero tam erudito como pra falar de qualquer tema com propriedade. E falando de diários… nunca na minha vida fum quem de ter meu próprio quaderno de bitácora. Penso que isso é algo que lhe tenho que agradecer ao meu pecado capital favorito: a preguiça. Som preguiçoso demais como pra ter umha constância nas minhas teimas.

Virgo ascendente Escorpiom…. lo puto peor

marzo 13th, 2007 ás 3:02 am
Arale Norimaki
 3 

Agora proéme a curiosidade por escoitar o Jabberwocky recitado, ha de ser toda unha experiencia :)
O certo é que de non ser pola preguiza tería tratado de darlle unha imaxe algo máis elaborada ao meu blog, pero polo momento sigo a rendirlle culto a ese perigoso pecado capital.

marzo 13th, 2007 ás 3:51 am
besbellinha
 4 

Curiosidade satisfeita pois, coa preguiza xa nacín enriba así que sería inútil falar dela e non o vou facer.

Sobre o que din os blogues de nós, así tal e como os fixemos: penso que si din moito pero coma todo, sempre pode dar unha imaxe errada de nós ou polo menos non a que nos queriamos. De feito é a visión e interpretación dos demais o que nos fai ter unha identidade ou un rol.

Non sei, opinión dalguén máis que eu xa non dou para tanto.

Saúdos.

marzo 13th, 2007 ás 4:54 am
bouzafria
 5 

É certo, concordo que a liña do blog está dirixida polos comentarios. Eu son máis preguizoso ca vaidoso: non sei, nin quero saber, se teño lectores e cantos son. Agradezo, e moito, os comentarios; pero o que me fai interesante o mundo este virtual é a capacidade de comunicación e aprendizaxe tan potencialmente inmensa que ten.

marzo 13th, 2007 ás 12:42 pm
A Raíña Vermella
 6 

Mario: era en español porque non tiñamos tradución ao galego, e chapalo en inglés sobrepasaba as miñas capacidades. A Era Preinternet!! Se fora hoxe, seguro que o sabía en portugués, pero daquela era difícil ter acceso a determinadas cousas. De calquera xeito, si, era rarito;)

Gustavo: eu tampouco me vexo capaz de ter un blog por completo temático, polo mesmo: non me considero tan erudita en nada, salvo en temas relacionados co que estudei, que para un blog sería un auténtico peñazo. Pero si me gusta deixarme levar un pouco polos comentarios, de feito o que mais me gusta do blogomillo é o que ten de conversa.

Arale: se o Jabberwocky lido é raro, recitado é unha auténtica ida de pinza. Seino porque fixen a proba, xa de maior, e sempre conseguín que me miraran como dicindo: “chamas ti a Conxo ou chamo eu?” Pero é o bonito que ten;)

Besbellinha: iso da imaxe “errada” é realmente o que mais me interesa de todo este tema. Tes razón en que un blog pode dar unha imaxe parcial ou distorsionada de nos (supoñendo que o fagamos tratando de reflectir a nosa imaxe, e non creando algo totalmente diferente) pero cando coñeces a alguén en persoa, non ocorre iso tamén? Nunca tivéchedes a sensación de que os demáis teñen unha imaxe de vos que non se corresponde coa “realidade”? Igual neste soporte un ten máis control sobre o que expresa, e a imaxe que un ten de si mesmo e a que proxecta achéganse mais. Claro, que a idea que temos sobre nós mesmos tampouco é mais real que a que teñen os demáis. Aí queda iso:)

Bouzafría: eu tampouco son vaidosa cuantitativamente, pero si cualitativamente. É dicir, non me preocupa moito o número de lectores, pero si me gusta que a xente que me comenta me exprese a súa opinión, por iso dicía que o que crea realmente o meu blog son os comentarios, porque son moi permeable ao que me din, e porque son consciente de non estar a facer algo para min soa. Se fora así, seguiría nas miñas libretas;) Agradezo incluso ideas para novos post (aínda que non garanto nada) e gústame especialmente o dos post en cadea, que un tema se estenda polos escaques contiguos, como se fora un tema musical con variacións.

marzo 13th, 2007 ás 1:25 pm
besbellinha
 7 

O dos comentarios é iso, conversación, que da moito gusto tanto participar nela como ver o que opinan os demais.

Despois si é certo, non sei que demo de idea damos aos demais que polo xeral non se parece moito ao que realmente pensamos que somos ou proxectamos. Cando coñeces a alguén en persoa…polo de agora so tiven moi boas experiencias, e ao meu ver fixen un montón de bos e boas amigas.

Que bonito esto dos blogues :D

marzo 13th, 2007 ás 2:54 pm
FraVernero
 8 

A preguiza é certamente o meu pecado capital, diría eu… Anque cando atinxe a cousas que me dan pracer, prodúcese unha dura loita entre os dous vicios por imperar…
Lembro que fai uns anos tentara (por probar) facer un diario, pero non furrulaba. Non tiña cousas que poñer nel, e a fealdade da miña escrita encrespábame. O teclado é unha das numerosas ventaxas da rede sobre o manual. Reproducción mecánica, capitalismo, Walter Benjamin e todo iso…
No meu caso, Otero, alén de ser unha referencia e un escritor que aprendín a adorar (sobretodo comezou a entrarme co seu Fra Vernero…) proporciona un título breve, ultragalego e semánticamente cargado como é ‘trasalba’.
Conque a Jabberwocky de memoria, eh? Panero, o de Mondragón, estaría orgullosísimo de tí…
Canto ao debate, todo o que escollemos di moito de nós mesmos, penso eu. Dun xeito diferente a cómo di cousas de nós mesmos a nosa apariencia, ou a nosa habilidade conversacional-social en directo. Somos seres moi complexos, e apenas acabamos coñecendo tódalas facetas de nós mesmos… Quizaves por iso nos miramos tanto no espello Só para confirmar que, alomenos por fora, seguimos sendo os mesmos.

marzo 13th, 2007 ás 5:23 pm
lourixe
 9 

Paréceme extremadamente interesante o debate xerado por Besbellinha sobre a imaxe de nós que se transmite por internet… a que se interpreta ante un monitor. Se é como di Fra Vernero, e se trata dun espello (homenaxe tamén á acolledora Raiña desta casa), daquela hai que ter en conta que os espellos son quen mais nos minten! Un espello devólvenos a nosa imaxe inversa, a esquerda vai na dereita e vice-versa, só con dous espellos somos quen de ver a nosa imaxe como a ven os outros. Imaxe que pode reflictir ou non o que no fondo somos.

marzo 13th, 2007 ás 7:07 pm
torredebabel
 10 

Concordo con que son os comentarios un xeito de facer medrar os textos. Un espacio diferente, alleo pero tamén propio. Eu sinto un agradecemento que fica preto da vergonza de que a xente deixe minutos do seu día no meu blog. Síntome en débeda. Por esa xenerosidade e porque son eses comentarios os que completan e dende logo melloran os artigos que vou deixando.

marzo 14th, 2007 ás 1:54 am
De la Highway 61
 11 

Son dos que non teñen contador na blo, non é cuestión de números. Préstame enviar os pos ao baleiro.
Agradezo os comentarios: tanto e tanto que non o podedes imaxinar.
Nunca contesto os comentarios: púxenme como norma que é un espazo para os demais. Vexo que debo ser o único que non o fai. Quizás me equivoquei. Agora xa é “imaxe de marca”.
Nunca tiven diario, nunca me gustaron. Non considero a miña vida obxecto de reflexión. En realidade non considero practicamente nada obxecto de reflexión. Teño moi mala letra.
Teño unha blo temática porque, como xa dixen, saíu así, sen pensalo. Puido saír calquera outra cousa. Ou non.
Nin poño nin comento novas, fuxo dos enlaces e dos colorines. Quero que sexa simple, canto máis mellor.
E a preguiza… dame preguiza só de pensalo.

marzo 14th, 2007 ás 10:34 am
O pastor eléctrico
 12 

O blog é un aspecto máis de esa imprevisibilidade que ten a vida, falaba algo disto a Rapaza do arco penso, non estou certo, pero dame preguiza confirmalo…

marzo 14th, 2007 ás 12:24 pm
A Raíña Vermella
 13 

Besbelliña: eu polo de agora só coñecín a unha persoa vía blog, e si que foi moi boa experiencia, pero tamén é certo que non ten nada que ver, e que dalgún xeito é como comezar de cero de novo.

FraVernero: o dos diarios é complexo, de feito o meu non era exactamente un diario, porque me proibín a min mesma falar de cousas persoais (ao igual que no blog, anécdotas aparte) en parte por pudor e en parte porque me parecía un rollo moi adolescente en plan “querido diario”. En canto ao Jabberwocky, meus pais tamén estaban orgullosísimos, entre orgullosos e espantados en realidade;)
A miña teoría era que isto dos blogs di mais sobre nós a un nivel consciente, sobre a nosa autopercepción, que a imaxe real, precisamente porque non está suxeito a cousas que non controlamos, como ser mais ou menos guap@ ou tatexar cando te pos nervios@. A imaxe real di máis a outros niveis. Mais do que nos gustaría, en moitos casos:)

Lourixe: vaia se minten os espellos! sobre todo os das tendas, maquiavélicamente inclinados para que te vexas mais delgada. Minten tanto que nunca te ves igual dun espello a outro. E grazas polo de acolledora. Faise o que se pode:)

De la Highway: xa ves que eu tampouco teño contador, pero a min si me privan os enlaces e os colorinchos, supoño que seguindo un pouco a idea de hipertexto que comentabamos hai algúns post o Pastor Eléctrico e mais eu. O de contestar ou non comentarios dalle un aire diferente ao tema, pero non ten por que ser mellor nin peor. Eu contesto basicamente porque non son capaz de quedar calada.

Pastor: por que da imprevisibilidade? Pola distancia que media entre o que tes na cabeza facer e o que despois realmente fas? Que o post se chame preguiza non é unha invitación a durmirse por estes lares… ;)

marzo 14th, 2007 ás 2:51 pm
A Raíña Vermella
 14 

Torredebabel: escapóuseme o teu comentario!:p Eu tamén creo que os comentarios melloran os posts, de feito cando redacto un fágoo en parte pensando en que se poda comentar, que dea xogo, e non só en tirarme o meu rollo particular. E eu tamén sinto algo entre agradecemento e pudor por que a xente me comente:)

marzo 14th, 2007 ás 2:56 pm
moucho branco
 15 

A imaxe de nós que se trasmite por internet supoño que dependerá de canto falemos e do sinceiros que sexamos con nós mesmos. Eu creo ter falado o suficiente e ter sido o suficientemente sinceiro como para que calquera entenda que son imbécil… agora ben, en internet inflúen conceptos visuais e doutros tipos que non estan aí noutroas dimensións. Nos blogues hai ademais unha iconografía persoal que tamén é interesante, encantaríame saber o que diría Freud sobre o modo de interpretala, anque xa é algo tarde para iso…

marzo 14th, 2007 ás 3:09 pm
A rapaza do arco
 16 

Eu creo que con isto de crear na rede a nosa personalidade alternativa ou fiel ao que cremos que somos non deixamos nunca de dicir cousas de nós, aínda que toda a intención poida ser mentir, e tamén creo que aprendemos cousas sobre nós mesmos vendo o que queremos deixar ver e o que non. Pensar sobre todo o que dá este tema non ten fin.
Ben, noraboa polos dous post encadeados que tanto éxito tiveron (a min tamén me gustaron moito)e o mellor de todo ese proceso que desenvolviche ao crear o teu pequeno espazo no cibermundo é que che quedou un sitio realmente chulo e moi interesante :) noraboa tamén por iso, xa que non tiven oportunidade de dicircho no seu momento por chegar máis tarde.

marzo 16th, 2007 ás 5:54 pm

Deixar unha resposta

Nome (*)
Correo (non será publicado) (*)
URI
Comentario