Supoño que se me notou no último post a miña escasa simpatía polo cristianismo, particularmente cando se traduce en esfolar xente viva. Debo aclarar que non son nada selectiva neste aspecto, e que a miña alerxia relixiosa vale tamén para calquera outra crenza, pero non atinxe necesariamente aos crentes individuais. O que pasa é que a fe católica é a que está en contacto comigo, e polo tanto a que me produce en primeira instancia o shock anafiláctico ateo. É dicir, son os que me tocan a moral, pero só porque estou aquí, e eles tamén. E semella que non hai espazo suficiente para os dous, forasteiro.

Non padecín unha educación relixiosa, así que non teño resentimento acumulado nin horribles traumas infantís relacionados coa confesión, co cal a miña actitude cara a Santa Nai Igrexa podería ser un tranquilo vive e deixa vivir. Pero non. A Santa Nai Igrexa vese que é unha nai dominante e castradora, tipo Freud, e que non lle da a gana de deixarte vivir se non é no seu amante seo. Xa de nena padecín certa presión social por ser das escasas alumnas de Ética dos primeiros oitenta, de xeito que algún dos meus compañeiros, imbuído de fervor apostólico, amenazoume nunha ocasión cun desconcertante “vas ir al infiernoooooooo!!” digno de Tomé de Aquino, que para unha pequena atea de cinco anos podía ser case unha provincia do Indostán, porque dubido que soubera sequera o que significaba ou por que o meu piadoso colega me quería mandar alí. Noutra ocasión, ante a miña afirmación de que non era católica, outro experto en Historia Sagrada preguntoume, en perfecto coruño: “y luego que eres? Judía?”. Debín contestar que era dunha secta de adoradores de Satán, pero naquel momento non andiven viva. Entremedias, tododiós me preguntaba que por que non ía a misa, que se non facía a comunión (“pero mujer, no quieres ir vestida de princesa?”) que se non me confirmaba (“mira que luego no te vas poder casar…”) , etcétera, con esa impertinencia absoluta que empregan os adultos cos nenos.

Pero o meu verdadeiro choque co eixo Roma-Compostela veu cando se me ocorreu a peregrina idea de borrarme. Eu creo que, cando apostatas, acéndese una luz na mesa do bispo de turno e unha voz di por megafonía: “atención a todo o persoal, código vermello” ou algo así, porque semella que non está nos seus planos que ti queiras saírte voluntariamente do choio. As miñas razóns eran variadas, comezando porque, no momento de meter a miña loira cabeciña na pía, actuaban sobre quen ma metía poderosas coaccións de orde familiar e social. Por outra banda, paréceme lóxico e normal que, se non estás dacordo coas ideas cunha institución, non quieras pertencer a ela.

Así que escribín unha carta ao meu bispo, dicindo onde me bautizaran e que me quería quitar, basicamente porque non creo en deus e porque me parecen unha banda de ladróns, de xenocidas, uns machistas, uns homófobos, uns hipócritas viola-nenos e en definitiva peña chunga. E que se por favor me podían dar de baixa, e non contar comigo cando fixeran as contas nas que teñen trinta e cinco millóns de afiliados só no Estado Español. Pois ben: ao señor bispo estas non lle pareceron razóns suficientes para querer deixar de formar parte do seu chiringuito, pero iso non foi o mellor. O mellor foi que na miña carta-bomba, eu incluía unha fotocopia compulsada do meu D.I. pero o señor bispo non recoñecía que tal documento acreditara a miña identidade, e ademáis alegaba que a lei de protección de datos non se aplica ás actas de bautismo, porque non son unha base de datos, senón (atención) “o rexistro dun feito histórico”. Así que nada, que se quero apostatar, que mande unha declaración ante notario de que a Raíña Vermella é efectivamente a Raíña Vermella, porque ao señor bispo o D.I. non lle di nada. É dicir, que un documento que te acredita a tódolos efectos ante calquera organismo, á Igrexa dalle igual.

Desa vez deixeino porque tiña cousas ás que atender, pero por suposto a historia non vai quedar aquí, e en canto poda irei persoalmente á diócese a demostrarlle ao bispo que realmente existo e non son un holograma, e de paso que podo ter moi mal espertar se me levan a contraria.

P.D: sinto se este post fire a sensibilidade dalgún lector, pero que pensabas? Que o de Vermella era porque me favorece a cor?