Un dos meus propósitos para o 2007 vai ser quitarme. Tampouco moito. Só deixar de utilizar o café como droga “de abuso” (como lle gusta esta expresión ao Ministerio de Sanidade, aínda que sempre a emprega mal) e pasar a ser unha consumidora social. Claro que, a este paso, vai ter que ser unha desintoxicación en plan Trainspotting: pecharme nun cuarto cun montón de pelis e libros e tirar a chave.

Di Escohotado que para ser un auténtico cafetómano, para ser adicto, vaia, hai que tomar da orde de vinte ou trinta tazas ao día. Logo o meu, que non chego a iso nin de lonxe, debe de ser adicción psicológica. A parte boa é que non me van dar suores frías se paso tres días sen cheirar unha cafeteira. A mala, que o mono psicológico segue sendo mono.

Non deixa de ser curioso o estatus que as drogas legais adquiren nas nosas vidas. Calquera persoa sabe que a cafeína é adictiva, pero nin o máis puritano e acérrimo prohibicionista está en contra do seu libre consumo. O mesmo pasa coa campaña institucional descaradamente a favor do consumo de viño. O viño, en cantidades moderadas, dilata os vasos, e prevén os infartos. O hachís ou o opio, en cantidades moderadas, tamén, e a ninguén se lle ocorre recomendarlle aos hipertensos “un par de bolas de opio coa comida”.

Con isto non quero dicir que me pareza mal que a xente tome viño, nin moito menos. Só que a nosa relación con determinadas sustancias é únicamente cultural, e non ten que ver coa sustancia en sí. A maior parte da xente que eu coñezo que está en contra da legalización é consumidora habitual de alcohol (algunha, nunha medida que o Ministerio calificaría como “de abuso”) e non ten idea teórica dos efectos do que non quere que se legalice. Por volver ao meu mono de café, un gramo de cafeína equivale a 150mg de cocaína, que xa é unha dose razonable. Vale que para acadar un gramo de cafeína hai que tomar como dez tazas dunha sentada, pero é que resulta que a cafeína véndese en pastillas sen ningún tipo de restricción, nin sequera con receta.

Por outra banda, este post ven moi ao caso nestes días de despiporre etílico. Non sei se víchedes o último anuncio das bonitas campañas antidroga coas que nos obsequia Sanidade. No anuncio sae, basicamente, un montón de xente nova de festa. E despois di esa pedazo frase: “tú verás lo que te mola” (quen será o publicista?) A min paréceme superdivertido esa identificación inmediata xente nova-marcha-drogas, sobre todo nunca época na que ata o avó acaba cunha cogorza antolóxica sen moverse da casiña. Iso sí, con Rivera del Duero, que é legal. Isto persegue un doble propósito: asociar “droga” a “droga ilegal”, e polo tanto a idea de que as legais son inocuas; por outra banda, asociar droga a determinados ambientes e franxas de idade, para que os “adultos” poidan sentirse moralmente limpos cando consumen. Un pai de familia non entra nesa imaxe, e non entrará nunca, tome o que tome, pero un rapaz de vinte anos entra automaticamente no perfil, aínda que sexa rigurosamente abstemio, polo feito de ser novo e de saír.

Xa vos contarei como vai a miña terapia de deshabituación. Polo de agora, xa rompín o meu propósito e acaba de caer a primeira da mañá. En fin. Igual no 2008.

P.D: tamén coñezo algunha xente moi ben informada que está en contra da legalización, e merece a pena escoitar os seus argumentos, aínda que eu non os comparta. Co de arriba só me refería á xente que fala por falar, sen ter idea, que é moita pero non toda.
P.P.D: Recomendo especialmente, como bibliografía sobre o tema, a “Cantata do Café” de J.S. Bach, que vai disto: dunha rapaza adicta ao café que está arruinando ao seu pai, e el está desesperado por casala para que sexa o home quen lle pague o vicio. Parece ser que o café, polo XVIII, era caro…