Dicía que na miña casa somos devotos do Sagrado Misterio da Resurrección do Pavo (zombi, engadiron moi acertadamente Mario e o Pastor) Pois ben, hoxe celebramos o día da Resurrección.
A cousa vai máis ou menos como segue:

O Primeiro Día, desígnase ao enviado para ir buscar o sagrado Pavo (nota: tamén pode ser un lacón ou incluso algún peixe, pero resucita mellor o pavo). Cando o Enviado volve co Sagrado Becho, comprobamos que non cabe no altar do Sacrificio, e procedemos a amputar algunha parte da súa anatomía, preferentemente as patas. O Enviado é violentamente atacado polos fieis e deféndese co berro ritual: “era o máis pequeño que había!”
Unha vez introducido no altar, o Pavo é inmolado e participamos da súa carne, que xeralmente queda seca. Este ano, en cambio, os designios foron propicios e o sacrificio levouse a cabo á perfección, así que a Sagrada Forma estaba no seu punto.

O Segundo Día o cadáver é sepultado no frigorífico, e posteriormente exhumado para unxilo con salsa e patacas. Os fieis dan conta do cadáver.

O Terceiro Día é o glorioso día da Resurrección, no que os fieis estamos xa fartos de participar do Misterio da Carne do Pavo, e ademáis parece que xa case non queda. Entón óbrase o Milagro, e o Pavo amósanos a proba do seu poder, resucitando en forma de Croqueta. Así óbrase o prodixio da multiplicación, que permite que unha familia media coma tres días cun só becho variando menú e sen aburrirse.
Se isto pode facelo un pavo, non quero pensar a de días que estariamos comendo o mesmo se nos da por facer cordeiro. Así que polo de agora, creo que non vou cambiar de relixión.