Cando alguén descubre algo, ou enuncia unha lei, aínda que sexa un concepto tan abstracto como o da Relatividade, xeralmente existe unha certa corrente de pensamento que desemboca no descubremento. Non quero en absoluto negar a xenialidade individual, pero se cadra esa xenialidade está en saber captar esas ideas latentes, en sacalas á luz ata facer delas algo tan diáfano que todos exclamemos “Pero claro! Como non me decatei antes?” Ese momento, esa “iluminación”, é a xenialidade.

Pero este post vai, non do xenio, senón da corrente que o precede. A Teoría da Relatividade foi publicada en 1915. A primeira “Alicia”, en 1865. Carroll era matemático, e estaba profundamente interesado no que, na segunda metade do XIX, eran as “novas tecnoloxías”, como a fotografía e os fenómenos de refracción da luz. Así que aquí está o miolo da Relatividade: matemáticas, tempo, luz.

Nas dúas Alicias hai referencias a unha certa idea de relatividade espazo-temporal, que Carroll intúe pero que probablemente non sabería explicar (estaba na onda de pensamento, pero esa onda aínda non rompera) Cando, en “No País das Marabillas” Alicia cae a través do tobo do Coello (un presentimento dos furados negros que permite a Relatividade?), Carroll comenta. “Sexa porque o tobo era moi profundo, sexa porque Alicia caía moi a modo…” E outra xenialidade, en “A Través do Espello”: a Raíña Vermella (é dicir, eu) colle a Alicia da man e obrígaa a correr a toda velocidade, porque no mundo do Espello o tempo pasa tan axiña que hai que correr todo o que se poida para manterse no mesmo sitio. Anos mais tarde, Einstein descólgase coa idea máis suxerente da historia da ciencia: se pudiéramos viaxar infinitamente próximos á velocidade da luz, o tempo deteríase para os viaxeiros. A propia idea do espello, onde as coordenadas espaciais están invertidas, e o tempo parece pasar a outro ritmo, é moi relativista.

Que opinaría o vello Dodgson se lese a obra de Einstein? Por desgraza, morreu en 1898. Einstein tiña 19 anos e xa apuntaba maneiras. Pero estou segura de que Carroll nos se sorprendería demasiado se lle dixeran que o tempo pode medrar e encoller, como Alicia.