Unha vez, hai xa tempo, escoitei a alguén dicir que a SIDA non existe. Incluso hai páxinas sobre o tema en Internet. A teoría ven sendo que o que realmente te mata son os medicamentos que supostamente controlan a enfermidade. Pregunta: entón a xente que morre en África porque non hai medicamentos? Tamén din algo así como que non se demostrou nunca a existencia do virus, e que as fotos que hai non son del. Que o virus ten un doble, como Bin Laden, que é o que sae nas fotos.

Na miña opinión, isto é unha hábil artimaña para contarlle ao teu ligue de turno e que non se poña pesadita co do preservativo, porque custa traballo crer que quen deitou semellante pérola na rede pense iso en serio. Entrade no enlace porque non ten desperdicio, sobre todo se hai alguén de bioloxía. Sería para escachar coa risa se non fora tan grave.

Tamén semella que estamos asistindo a un dos efectos nocivos, por unha banda, da sobreinformación, e pola outra, do posmodernismo mal entendido. Conste que a min Internet como canle de información paréceme un xeito fantástico para dar a coñecer feitos ou opinións que doutro xeito serían silenciados, pero hai que saber filtrar, como con todo. Só porque un dato teña pinta de rollito alternativo, non vai ser necesariamente certa. Para mostra, o dos tampóns que conteñen asbesto ou amianto (rollo católico camuflado, ou senón a min que me expliquen; pero isto da para outro post) ou o do pavo este que di que o colesterol non provoca infartos (peña carnívora tratando de xustificarse)

En canto ao posmodernismo, últimamente hai certa tendencia a considerar que todo é relativo, e que ningunha opinión vale máis ca outra, e iso non é de todo certo. Éo, por suposto, nos temas que son opinables, pero non se pode “opinar” que a terra é plana ou que a SIDA non existe porque, sinxelamente, non é certo. Habería moito que dicir sobre os intereses económicos detrás dos antirretrovirais, das patentes e da actitude das farmacéuticas, pero o virus existe porque calquera bolseiro cun equipo cutre pode aillalo, co cal pensar que nos están enganando TODOS xa soa a movida “cons”.

Ademáis, estas disquisicións pseudoguais afastan a vista do verdadeiro problema, que é: por que non hai un día internacional da malaria ou da tripanosomiase, que son enfermidades que matan a moitísima xente? A base do problema non é que a SIDA exista ou non, é que as cousas que non ocorren no primeiro mundo, realmente é como se non existisen.
P.D: o da foto é el, e eu xuraría que é o auténtico.