Teño o meu novo Blacksad e estou como unha nena con zapatos novos. Ademáis este último número é vermello, coma min.

Para quen non coñeza Blacksad, direi que é un cómic de serie negrísima, protagonizado
por un gato ao máis puro estilo Bogart pero infinitamente máis atractivo (Nota: para que non entenda como pode ser atractivo un gato, que o lea, e que se dea definitivamente á gatofilia).

Non estou moi posta en tema de banda deseñada, pero hai un par de series que merco e que me enganchan, como Murena (violencia, sexo e conspiración no tempo de Nerón), ou V de Vendetta (represión e rebelión: como a vida, dígalle) Gústame sobre todo a calidade do debuxo,sempre e cando, claro, o guión non sexa terrible. En Blacksad atopei a miña esencia: é como unha peli clásica de detectives pero moito máis escura en canto a trama, e o debuxo é unha auténtica pasada. De feito, o autor debuxou para a Disney, e agora débese de estar desquitando de tanto azucre a base de facer bechos mafiosos e asasinos. O mellor da historia para min é o ben que se axusta cada animal ás características da personaxe.

Últimamente en todos os meus post (e en parte tamén os dalgún blogs amigos, como o do Moucho) está sobrevoando a mesma teima: a idea de cultura, a cultura como privilexio dunha elite, quen decide o que é cultura. A nosa xeración debe ser a primeira que asume con naturalidade a cultura de masas como auténtica cultura, e con conciencia de que o é. Lemos banda deseñada do mesmo xeito que escoitamos a Haendel. Blade Runner é tan obra de arte como Casablanca. Se non estamos atentos aos fenómenos culturais do noso tempo, é como se non viviramos no mundo. Por outra banda, tamén Strauss foi no seu tempo cultura de masas.

En “O Lobo Estepario” di Hesse que cada persoa é medio persoa e medio animal, que hai homes-peixe, mulleres-serpe, etc. Iso é o que ocorre en Blacksad. Cada animal é un retrato psicolóxico, e se te buscas, pode que incluso te atopes co teu animal.