Esta semana fun ver unha peli ao cine, e confeso que me deixei levar absolutamente polo esnobismo do que todos pecamos algunhas veces. Explícome: non coñecía a peli, non vira nada do director e fun única e exclusivamente porque todo o mundo dicía que era un tipo independiente e tal. E pagueina, claro. Paguei relixiosamente a miña entrada e a peli en cuestión non me gustou en absoluto, e paguei en cargo de conciencia. En primeiro lugar por deixarme levar así pola masa, e en segundo porque me sentín un pouco parva: eu non vía que aquilo fora para nada unha grande peli, pero semellaba que era por un defecto meu, que non debo de ser suficientemente intelectual, ou algo. O peor é non saber se realmente aos demáis sí lles entusiasmou ou teñen a mesma opinión ca min, pero non o din.

Estas cousas pásanme relativamente a miúdo, supoño que en parte é culpa miña por non ter a menor idea de mogollón de cousas, pero por outra banda, para que che guste unha película é necesario ter idea? Recordoume un pouco a determinadas exposicións de arte contemporánea (non a toda a arte contemporánea, ollo) das que saio desconcertada, sen atreverme moito a opinar, e con certa vaga sensación de que me/nos están a tomar o pelo.

Cando paso por un destes trances penso que o tempo, e a crítica, poñerán a cada un no seu lugar do Parnaso das Artes, elevarán a cada quen ao seu pedestal correspondente e inamovible, e daquela xa non nos dará medo dicir que Picasso, ou Malher, non nos provoca maiormente nada, sen que ninguén se ofenda nin pareza que es unha reaccionaria que non entende as avangardas. A distancia fai que todo se suavice.