Esta semana descubrín un disco de Miles que non escoitara, “Sorcerer”, e alá vai toda a miña concentración no que estaba facendo. Debo de ser un pouco obsesiva, porque cando atopo algo que me entusiasma (e o problema é que ese algo pode ser practicamente calquera cousa) noto que o meu curso de pensamento da voltas unha e outra vez sobre o tema, aínda que eu faga esforzos por desvialo e centrarme. Esta semana foi Miles, de novo.

A música sempre foi algo central para min, e é así para case todo o mundo que coñezo, dun xeito ou outro. De cando en vez aparece unha desas persoas que di que non lle gusta a música, e daquela non podo evitar pensar: “Iso é imposible. O que pasa é que non atopaches a túa música” A música que escoitamos é, se cadra, o que máis nos define, o que sentimos como máis noso, incluso máis que o que lemos. Ademáis, hai moita xente que apenas le, pero é raro atopar a alguén que non escoite música.
Deixando á marxe o virtuosismo, o que máis aprecio na música é o estado de ánimo que produce en min. Busco na música un estado moi concreto, e non atopalo resulta unha decepción, así que hai cousas que podo admitir que son boas, pero das que non remato de desfrutar, que non me “chegan”. Pero cando algo toca a tecla precisa, é case maxia, como este “feiticeiro”.

Se tivera que definir ese estado que busco na música, diría que é de sensibilidade exacerbada, pero serena e feliz. Non me gusta, en xeral, a música deprimente, cando estou mal procuro poñer algo que me anime, ou directamente non escoitar nada, para non asocialo despóis a cousas negativas. Miles Davis ten esa serenidade e esa forza que me gustan. Ten un son cheo e redondo, profundo e suave. Nada de estridencias, nada de rabuñar o metal. Ese metal case non parece metal, semella só aire (salvo cando el quere que sintas que é metal) E ese desaparecer para deixar só ao teclado ou á batería.

Miles soubo coller de cada época o mellor que se lle ofrecía, cada disco, dende “Birth of the cool” ata a época de “Aura” (outro dos meus favoritos) supón unha evolución, un paso adiante, pero sempre segue sendo Miles. Nunca se perde, nunca se distorsiona, nunca se volve elitista ou inescoitable, pero sempre avanza. Dicía que non entendía que a xente pedira unha e outra vez “Kind of Blue”, porque iso xa o tocara unha vez, e bastaba.