Todo isto das matemáticas e das ciencias suscitou moitos comentarios interesantes, e fíxome reflexionar sobre certo sentimento que tiven sempre de ser unha especie de tránsfuga, un becho dunha especie descoñecida. Coido que teño unha concepción do coñecemento un tanto anticuada, un pouco leonardesca. Total, que pico de todas partes e non me quedo con ningunha. Cando te obligan a decidir (con quince anos, que xa manda) entre ciencias ou letras, é como se che desen a escoller un hemisferio cerebral. Que prefires, o esquerdo ou o dereito? Que che apetece máis, saber de física ou de literatura? Non ter nin idea de arte ou ignorar completamente a estructura do ADN?

O que me fai pensar isto é que non temos unha vivencia natural da cultura (entendendo cultura nun sentido moi amplo), que non a entendemos como un todo nin moito menos como un xeito de placer persoal. Esas actitudes só se entenden se se contempla o coñecemento como un medio para acadar algo (un posto de traballo, prestixio, quedar de guai e superculto mencionando a Schopenhauer como de pasada) Polo tanto, se vas ser enxeñeiro, non che fai maldita falta saber de literatura, semella pensar o sistema.

O problema é que a pregunta non é a correcta. Claro que non che fai “falta” saber de literatura. Pero é que a literatura, a arte, a música, son ocio. É algo creado única e exclusivamente para proporcionar placer, sexa do tipo que sexa. O que se nos nega é a posibilidade de desfrutar dese placer.

Por suposto, certas actitudes elitistas tampouco axudan, como considerar que a música clásica,ou a mitoloxía grega é unha cousa súper seria que te mueres , que non se pode tomár á lixeira. Ou facernos destripar poemas coma se foran ratos de laboratorio. Converter o ocio nun auténtico coñazo, facernos pensar que non é para todo o mundo, que hai que ser un erudito para escoitar a Mozart (que xa me dirás).