Fozando pola internés e tratando de encher as miñas múltiples e profundas lagoas culturais, din cun capítulo de “Filosofía e superstición” de Adorno, que se titula “Opinión, demencia e sociedade” que me resultou moi interesante. É unha desas cousas que les e pensas “isto penseino eu mogollón de veces” pero como non es Adorno, non che queda tan guai cando o escribes. Vaia por diante que non lin o libro enteiro, así que se algún fan pensa que meto a pata nalgo, estou aberta a todo tipo de críticas.

A cousa vai de como, cando sostemos unha opinión, establecemos a un tempo dous procesos opostos: por unha banda, enunciamos que, como tal opinión, é algo subxectivo e imposible de demostrar na súa totalidade; pola outra, conferímoslle a esta mesma subxectividade o rango de dogma. “É a miña opinión”, dis, e parece como cando os nenos xogan a pillar e din “¡casa!” e xa non podes collelos. Como é a túa opinión, ninguén pode dicirche nada, aínda que sexa absurda.

Por outra banda, outra cousa que facemos é “encasquillarnos” nas nosas opinións, é dicir, unha vez que opinas unha cousa, non hai argumento que che faga mudar, a pesar de que, precisamente por ser “opinión” debería ser posible variala. Isto ocorre porque tomamos as opinión como algo identitario, algo que nos define como individuos, unha especie de núcleo de personalidade. Quen ataca as nosas opinión, atácanos a nós.

Ademáis, tendemos a racionalizar, a revestir opinións baseadas en prexuízos ou medos e paranoias persoais de argumentos pseudolóxicos, como quen encala unha parede. Como a xente que está en contra de cousas que nin lle van nin lle veñen (homes contra o aborto, familias católicas contra o matrimonio gay, etc) e da razóns absolutamente disparatadas, que se ve claramente que están construídas a posteriori, sobre un prexuízo previo. A psicoloxía cognoscitiva traballa sobre a base de que estas opinións “enquistadas” poden ser causa de trastornos psicolóxicos, como por exemplo que te volvas skin. Ti realmente non te cres todo o edificio teórico arredor de queimar mendigos con gasolina, sinxelamente gústache facelo e xustifícaste así. Se consigues que o skin vexa que a súa opinión non se fundamenta, se cadra podas facer que cambie de actitude (seino, é un pouco inxenuo, o máis probable é que che parta a cara moito antes).

Por último, o que máis me mola: empregar a opinión como trincheira dende a que disparar (isto non o di Adorno, dígoo eu). Como é a miña opinión, alá che vai, podo dicir impunemente as maiores animaladas. Co escudo máxico de que “toda opinión é respetable” podes dicir todas as animaladas que queiras. Unha vez máis “¡casa!”

P.D: Estou fascinada pola idea de que Adorno fora músico tamén, aínda que a min a contemporánea escápaseme un pouco (como xa notariades polo que pon en “Sobre min”, o meu é o barroco) e pola base teórica da atonalidade. Pero a música déixoa para outro post.