Como me deu por pensar sobre as matemáticas e a miña experiencia con elas, pasei a pensar na física, na miña época de ler ciencia-ficción e ensaio científico, e nun problema co que me dou de cabeza unha e outra vez, a saber, a falta de cultura científica. Non falo de que a xente saiba os nomes dos últimos premio Nobel (eu tampocuco os sei), nin de que as conversas na cafetería traten sobre se o universo ten forma de cadeira de montar ou de chapeu boca abaixo. Falo de distinguir entre un virus e unha bacteria (que se asemellan entre sí como un verme a unha balea), de saber que unha molécula é unha orxía de átomos moi xuntiños, e cousas polo estilo. Teoricamente, todo isto aprendémolo no colexio. Na práctica, o sistema educativo diche, máis ou menos: “ti para que precisas isto, se os átomos nin se ven, e as matemáticas, total, non as entende nin Dios? Iso é para os científicos, como o fulano ese da cadeira de rodas” É dicir, ninguén che explica para que valen.

A ciencia, como a arte, vale para entender o mundo no que vives. Para entender por que non serve de nada que te poñas cego de antibióticos cando tes gripe. Para saber que, cando alguén fala do “cen por cen de probabilidades”, está intentando que merques algo. Para ler a Asimov, que vale a pena, e enterarse. Para comprender que o Nautilus, aquí na foto, non medra así porque se vaia de guai e de sobrado, senón porque sabe matemáticas.

A outra cousa que ocorre é que, entre a xente en principio culta, percíbese un olímpico desprezo cara o coñecemento científico. Supoño que parte do problema é que se asimila ciencia a técnica, industria, economía, capitalismo. Coido que esa é, pouco máis ou menos, a liña de razonamento, en parte inconsciente. Cada quen é moi libre de poñer calquera cousa en relación con calquera outra, e tampouco vou ir eu aquí de abanderada da neutralidade (que mal rollito da esa palabra) da ciencia, pero ao meu entender o erro reside en confundir a ciencia como método coa aplicación que dela se fai. A ciencia-método só che describe a curva perfecta do Nautilus, e ao Nautilus dálle igual as teorías que fagas arredor del. Xa estaba aquí antes dos dinosauros, e probablemente aquí seguirá, haxa ou non alguén para describilo.