“Imos xogar a que hai un xeito de atravesar o espello; a que o cristal se volve brando, como se fora de gasa, e que podemos pasar a través”.

Dende sempre profesei polas matemáticas un amor oculto e non correspondido. Oculto, porque as reaccións dos demáis cando dis que che gustan as matemáticas son de espanto, como se tiveras algún tipo de tendencia estraña e desaconsellable, ou de incredulidade. Non correspondido, porque nunca chegamos a comprendernos unha á outra. Ela pedía demasiado, unha disposición e unhas cualidades que eu non posúo, e eu acabei adicándome a outra cousa, na que o meu contacto con ela é escaso e formal. Cando nos atopamos, saudámonos cortesmente. Pero eses grandes romances deixan unha pegada de por vida. Cando quero lembrala, érgome furtivamente e saco do seu escondedoiro “A Través do Espello, e o que Alicia atopou ao Outro Lado”

Non quero poñerme Matrix, pero ás veces penso que as actuacións na Internet teñen un pouco esa característica carrolliana, e máis concretamente atravesoespecular: trátese dun mundo firmemente conectado coa realidade e dependente dela, real á súa vez e rexido por un conxunto de normas semellante pero non necesariamente igual ao do mundo “real”. Polo mesmo, cada persoa ten o seu correlato dentro do espello, que somos indubidablemente nós (quen se non?) pero que ao mesmo tempo somos lixeiramente diferentes. Eu son A Raíña Vermella dentro do espello, pero fóra do espello son a gata negra de Alicia, e ningunha é máis real que a outra.